A Plataforma Ourense Mellor amosa o seu apoio ás reivindicacións dos bombeiros en folga de fame

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

A Plataforma Ourense Mellor amosa o seu apoio ás reivindicacións dos bombeiros en folga de fame

Onte, luns 4 de febreiro, tres bombeiros municipais comezaban unha folga de fame, diante do Concello, como mostra de protesta, que rematará previsiblemente o mércores, 6 de febreiro ás 22:00 h. coa intención de que o alcalde os reciba e dialogue con eles para atopar unha solución á inseguridade que sofre nestes momentos a cidade de Ourense e ao abandono do servizo de bombeiros de Ourense.

Un grupo de integrantes da Plataforma Ourense Mellor, entre eles Etelvino Blanco, dirixiuse a este colectivo para amosarlle o apoio da Plataforma. Os bombeiros de Ourense entenden que a seguridade da cidadanía precisa un corpo de bombeiros que poida traballar, con recursos humanos e materiais.

Algunhas das súas reivindicacións son que este goberno municipal do PP faga algo, xa en que en todo o mandato permaneceu inactivo totalmente.  Dos 68 postos de bombeiros asignados na RPT do concello de Ourense  hai actualmente só 49 cubertos, cunha media de idade de 50 anos e existe un montante de 1.300.000 euros de material parado cando no día a día traballan cunha precariedade de material absoluta, o que repercute na seguridade da cidadanía ao non ter os medios adecuados para o correcto desenvolvemento do seu traballo. Tamén demandan que se lle volvan a abonar os complementos de nocturnidade e festividade cando están de vacacións.

A Plataforma Ourense mellor amosa a súa solidariedade a apoio coas reivindicacións deste colectivo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.