A plataforma Ourense Mellor continúa traballando para conseguir a unidade da esquerda na cidade

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

A plataforma Ourense Mellor continúa traballando para conseguir a unidade da esquerda na cidade

Durante as últimas semanas, e seguindo o mandato da última reunión da plataforma celebrada no mes de xaneiro, integrantes da Plataformea mantiveron xuntanzas con diferentes organizacións de esquerda da cidade.

Alédanos comunicar que diferentes organizacións e colectivos amosaron o seu apoio explícito a integrarse na Plataforma e xa están a participar nela. Darase conta destes apoios nunha vindeira xuntanza aberta da Plataforma.

As xuntanzas con Esquerda Unida e Podemos en torno á idea de aglutinar esforzos de cara a conseguir unha alternativa ás dereitas na cidade desenvolvéronse con sintonía e cordialidade. Acordouse continuar con estes contactos nos vindeiros días

O BNG non respondeu ao noso convite a sentarnos a falar sobre a situación de Ourense e posibles fórmulas de colaboración para concorrer ás eleccións municipais.

Con respecto a Ourense en Común, despois de dúas xuntanzas, optaron por continuar co seu calendario electoral propio e celebraron unha asamblea o domingo pasado para decidir a súa candidatura ata o nº 10. Desde a Plataforma consideramos totalmente lexítima a súa decisión, pero insistimos en continuar a loitar por conseguir a unidade da esquerda en Ourense para que non volvan a gobernar as dereitas, polo que non entendemos e lamentamos fondamente que Ourense en Común peche as portas da confluencia. Nós  traballaremos por este obxectivo ata o último momento e agardamos que reconsideren a súa decisión.

Neste sentido, voltamos facer un chamado ás forzas progresistas da cidade, para que sexamos quen de superar dinámicas partidistas e poñamos por riba o interese da cidadanía que desde o noso punto de vista pasa por conseguir unha maioría de esquerda para mellorar a vida das veciñas e veciños de Ourense, para conseguir un Ourense Mellor.

A vindeira semana terá lugar unha asamblea aberta da Plataforma para dar conta de todos os avances e para continuar traballando para aglutinar forzas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.