A veciñanza do Couto rexeita a destrucción do seu parque

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

A veciñanza do Couto rexeita a destrucción do seu parque

Membros da Plataforma Ourense Mellor como Etelvino Blanco ou Xosé Manuel Pérez Bouza asistiron onte á concentración que tivo lugar na contorna do Parque do Couto para escoitar as demandas das veciñas e veciños sobre o proxecto que o goberno municipal ten para ese espazo público.

A veciñanza do Couto reixeita a eliminación das árbores e do paseo de terra que é un espazo de desfrute moi frecuentado por persoas de todas as idades, para construir unha pista de skate. Consideran que hai outros emprazamentos máis axeitados para eses usos, coma por exemplo no propio barrio do Couto, ao lado do campo de fútbol. Outra posibilidade sería Oira ou a contorna do Pazo Paco Paz.

Consideran incompatible a práctica do skate co desfrute do parque por parte de persoas maiores e crianzas, polo que centran a súa reivindicación en acometer melloras no propio parque, non o proxecto que Jesús Vázquez quere executar nese espazo de lecer da nosa cidade.

Neste sentido Ourense Mellor apoia ás reivindicacións da Plataforma en defensa do Parque do Couto e seguirá apoiando ás veciñas e veciños ata que o Goberno do Partido Popular retire o proxecto. Membros da Plataforma Ourense Mellor asistirán ao vindeiro Pleno Municipal do día 3 de maio onde se debatirá unha moción neste sentido para apoiar ás veciñas e veciños nas súas demandas.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.