Etelvino Blanco: “O alcalde o que ten que facer é limpar a cidade e deixarse de ocorrencias”

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Etelvino Blanco: “O alcalde o que ten que facer é limpar a cidade e deixarse de ocorrencias”

Esta semana, o goberno da cidade aprobaba a tramitación para rebaixar nun 10% a taxa de recollida de lixo en Ourense, a un mes das eleccións municipais.

Desde Ourense Mellor, entendemos que este tipo de ocorrencias a un mes das eleccións non son de recibo, ademais de que non suporían en absoluto un aforro importante para a as veciñas e veciños.

Polo tanto, reclamámoslle ao Alcalde e ao grupo popular que non traten de parva á veciñanza ourensá e se deixen de vender esmolas en campaña electoral, ofrecendo unha rebaixa simbólica do 10 por cento no recibo da recollida do lixo, cuxo significado é irrelevante no recibo da maioría dos contribuíntes, dos que só pagan pola vivenda.

O que tiña que ter feito o alcalde e que non fixo neste mandato que remata, é preocuparse de esixirlle á empresa consesionaria unha cidade limpa e coidada, no canto de facernos vivir na cidade máis deixada do Estado español: rúas e beirarrúas suxas, parques e espazos públicos que parecen leiras, contedores sen soterrar, fontes públicas cheas de lixo, etc

Ourense Mellor fará unha proposta programática a fin de revisar todos os tributos que cobra o concello de Ourense. Dentro da lei, teremos en conta os seguintes eixos:

1º. Quen máis ten, máis paga.

2º. Que máis se beneficia do traballo e consumo da veciñanza de Ourense, máis paga.

3º. Quen contamina, paga.

4º. Quen máis se aproveita do que é de todos os ourensáns, paga máis.

5º. Quen máis se esforce a favor das persoas con discapacidades, menos paga.

En declaracións de Etelvino Blanco, voceiro da Plataforma Ourense Mellor: “O que ten que facer o alcalde e o seu grupo de goberno é limpar a cidade que nunca estivo tan descoidada, como nos teñen manifestado diaramente as veciñas e veciños de Ourense. Que se preocupe por manter en condicións Ourense e que se deixe de ocorrencias electoralistas que non aportan nada”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.