Jácome retíralle a Policía Local ás mulleres vítimas de violencia de xénero na cidade

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Jácome retíralle a Policía Local ás mulleres vítimas de violencia de xénero na cidade

Hoxe Gonzalo Pérez Jácome, anunciaba que o Concello de Ourense retirarase do protocolo Viogen de atención ás vítimas de violencia de xénero, desvinculación que supón a retirada da Policía Local deste sistema de prevención e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.

O propio alcalde facía referencia á “falta de recursos suficientes” por parte do Concello para xustificar o abandono do protocolo, asegurando que “o Concello non dispón de suficientes recursos para levar o tema coa dignidade que require”.

Na actualidade, o sistema Viogen conta coa participación dos tres corpos policiais (Local, Autonómica e Nacional), contando no Concello de Ourense “cunha persoa da Policía Local dedicado ao tema da violencia de xénero”, segundo sinalou o propio alcalde.

Dende Ourense Mellor ven tremendamente temeraria esta decisión, sendo indicativa da política municipal no ámbito da violencia machista, pois baseándose na escaseza de recursos, o que fai o goberno de Jácome, co beneplácito do PP é desprotexer máis aos colectivos máis desfavorecidos, alén de desprezar calquera tipo de prevención, cunha clara deixación de funcións por parte dun goberno máis preocupado pola propaganda baleira que polas mulleres do seu concello.

Para Ourense Mellor está decisión supón deixar a 0 os efectivos municipais na loita contra esta lacra, desprezar a prevención no ámbito da violencia machista e deixar desamparadas ás mulleres que sufriron violencia de xénero e pediron protección, pois esta decisión incide directamente na súa calidade de vida. Dende Ourense Mellor advirten de que esta decisión pode poñer en risco ás mulleres, advertindo que, de acontecer algo, pediranse responsabilidades á Administración Local por causación de danos.

Cando nos atopamos en emerxencia feminista, aseguran dende Ourense Mellor, cando máis de mil mulleres foron asasinadas polo mero feito de ser mulleres, en vez de reforzar programas e recursos de atención, o que fai o Concello de Ourense é abandonar aqueles nos que estaba implicado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.