Manifesto por un Ourense mellor

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense é a nosa cidade. Un lugar bonito e querido onde nos gusta vivir, sexamos de aquí ou teñamos vido de fóra. O lugar onde queremos ver medrar as nosas nenas e nenos e onde queremos que encontren un futuro para se quedar ao noso lado.

Temos a fortuna de vivir en Ourense. Sábeo ben a xente que nos visita e fica namorada das nosas augas termais, da nosa gastronomía, do noso patrimonio, material e inmaterial.

Unha cidade de xente traballadora e tenaz, que se levanta todas as mañás para dar o mellor de si, facendo que Ourense funcione.

É inxusto que con esta potencia e riqueza da nosa cidade e as súas xentes o resultado da xestión sexa tan nefasto. A listaxe de torpezas é longa de máis: a praza da Ponte está rematada e segue pechada. Os servizos sociais están abandonados. As actuacións máis importante deste goberno foron montar nunha bici estática e colocar unha tirolina nun parque do centro. No último curso escolar, retrasáronse as axudas para as Anpas, poñendo os comedores escolares en perigo.

Este alcalde é un profesional en perder subvencións de millóns de euros. Ourense está suxo, máis do que nunca estivo, as rúas están cheas de baches e baldosas rotas e os parques infantís e xardíns mal atendidos. A actuación estrela deste goberno é unha tirolina nun parque do centro. Un goberno que non foi quen de aprobar un só orzamento, demostrando a súa incapacidade para o diálogo, para antepoñer os intereses da cidade aos do seu partido; que despois de pedir un proxecto soterrado para a entrada do AVE, cando non gobernaban, agora aceptan facer unha estación que non vai ser intermodal, comprometendo o barrio da Ponte e o seu centro de saúde e, a cambio, dedícanse a vender fume co “Ecobarrio”. Un goberno que non foi quen de sacar adiante un PXOM imprescindible para rescatar Ourense da parálise na que se atopa. Un alcalde que permite a cotío atentados ecolóxicos contra os nosos ríos: para mostra a situación do Barbaña.

Temos moitas razóns para crer que Ourense merece outro goberno. En Ourense hai actividade cultural e centos de iniciativas da cidadanía, tanto de carácter individual, como a través de asociacións veciñais, deportivas, sociais… Ti es a razón de que Ourense siga viva. Por iso precisamos un goberno que constrúa unha cidade con emprego, benestar social e igualdade de xénero, que canalice toda a potencia da xente e que poña recursos onde esta non chega. Temos potencia para realizármolo.

Ourense precisa un goberno rigoroso, traballador e con capacidade de diálogo; que teña Ourense como único obxectivo e que non estea ao que lle mandan desde Santiago ou Madrid.

É un obxectivo posíbel se contamos contigo. Ourense precisa de ti, o futuro da cidade depende do que sexamos capaces de facer agora. Temos razóns para crer en Ourense.

Súmate ao proxecto do novo Ourense. O agora é noso.

POR UN OURENSE MELLOR!!!