Mantemento, investigación e atención ás demandas dos bombeiros de Ourense para que nunca máis se repita o desastre da Chavasqueira

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Mantemento, investigación e atención ás demandas dos bombeiros de Ourense para que nunca máis se repita o desastre da Chavasqueira

Esta mañá Etelvino Blanco, xunto con outros membros da Plataforma Ourense Mellor, achegáronse ata a Chavasqueira para interesarse pola situación dun dos principais referentes do termalismo da nosa cidade que foi arrasado polo lume

 

En primeiro lugar, queremos manifestar o noso pesar pola destrucción dun lugar emblemático do turismo e do termalismo en Ourense.

Por  outra  banda,  solicitamos  ás  autoridades  competentes  que  inicien  á  maior  brevidade posible unha investigación para aclarar as causas que provocaron este desastre.

Neste sentido, agardamos coñecer o plan do Goberno Municipal da cidade para xestionar a recuperación deste espazo, cales son as solucións e cando as vai dar a coñecer o alcalde Jesús Vázquez, xa que é de vital importancia, recuperar o antes posible a Chavasqueira. Queda evidenciado con ese desastre o abandono do termalismo, a precariedade no mantemento e a nula mellora das instalacións durantes este anos de desgoberno do Partido Popular.

Queremos amosar a nosa solidariedade tamén coas 15 traballadoras e traballadores do complexo termal que neste momento están a vivir unha situación engadida de angustia pola perda do seu posto de traballo.

E amosar a nosa completa adhesión ás queixas do corpo municipal de Bombeiros de Ourense que estiveron hai escasas semanas en folga de fame para visibilizar a necesidade urxente de dotalos de medios e de persoal para poder realizar correctamente o seu traballo. Varios bombeiros sufriron queimaduras xa que os traxes usados non eran os axeitados como viñan reclamando desde hai tempo e houbo problemas co camión e coa bomba de auga. Afortunadamente non houbo que lamentar máis danos persoais que as queimaduras, pero si queda constatado que o corpo municipal de bombeiros realiza o seu traballo en precario, sen o persoal nin os medios adecuados, cuestión que quedou evidenciada esta madrugada co incendio da Chavasqueira, polo que esiximos de novo, desde a plataforma Ourense Mellor, medios e condicións mínimas de seguridade para que poidan realizar o seu traballo sen máis riscos engadidos que os que xa teñen pola súa profesión.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.