Os bombeiros de Ourense alertan da falta de medios e de persoal e as consecuencias que podería ter en caso de emerxencia grave

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Os bombeiros de Ourense alertan da falta de medios e de persoal e as consecuencias que podería ter en caso de emerxencia grave

Representantes do Parque de bombeiros de Ourense mantiveron unha reunión con Ourense Mellor para trasladar a delicada situación na que se atopan e demandar melloras de medios e de persoal

Na reunión á que asistiron Etelvino Blanco, Xosé Manuel Pérez Bouza e Clara Rodríguez, os bombeiros municipais insisten nas demandas que motivaron hai poucas semanas a súa folga de fame. Segundo o colectivo, Ourense é a única cidade galega que leva desde 2011 sen convocar prazas para subtituir aos efectivos que deberían ser 72 e actualmente son 49 para cubrir toda a cidade, e 10 próximas xubilacións que deixarían á plantilla na metade do persoal.

O goberno municipal do Partido Popular é coñecedor desta situación, pero non fixo absolutamente nada para dotar de persoal ou de medios ás persoas que se adican a velar pola nosa seguridade. Tanto é así, que segundo relatou Juan Cid Boo, a Mutua aseguradora dos bombeiros, proporcionou ao concello de Ourense um montante de 400.000€ para mellorar o servizo, para que o concello só tiña que aportar o 10%, pero Jesús Vázquez rexeitou ese diñeiro e perdéronse 400.000€ moi necesarios para a cidade.

Sinala o colectivo que os traxes cos que traballan non son os axeitados, como se puxo de manifesto no incendio da Chavasqueira, no que varios bombeiros sufriron queimaduras así como avarías nas motobombas. Segundo indican, varios edificios públicos da cidade con grande afluencia de xente carecen de plan de incencios e protocolo de evacuación. O alcalde Jesús Vázquez, co que se teñen reunido en diferentes ocasións, fai caso omiso ás demandas dos bombeiros.

Ante esta grave situación na que se atopa o corpo de bombeiros de Ourense, chamamos a atención porque se cun incendio relativamente pequeno e controlable como o da Chavasqueira houbo fallos, escasez de persoal e queimaduras evitables, está claro que Ourense non estará preparado para, agardemos que nunca pase, unha emerxencia maior.

A nosa seguridade ante situacións de emerxencia depende deles, polo que é prioridade de Ourense Mellor, cando teñamos representación no concello, dotar de medios e de persoal suficiente a este colectivo para traballen cunhas condicións mínimas de protección e seguridade, o que redundará en máis tranquilidade para o conxunto da cidadanía de Ourense

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.