Ourense Mellor comprométese ante as asociacións veciñais a aprobar os orzamentos antes de setembro

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor comprométese ante as asociacións veciñais a aprobar os orzamentos antes de setembro

O candidato á alcaldía, Etelvino Blanco, acompañado do número tres, Xosé Manuel Pérez Bouza; reuníronse onte, martes, coa xunta directiva da agrupación de asociacións de veciñas do rural e a periferia de Ourense “Miño” na súa sede da rúa Doutor Marañón.

O candidato de Ourense Mellor, Etelvino Blanco, trasladou onte á agrupacións de AAVV do rural e da periferia de Ourense “Miño”, o compromiso da plataforma cidadá de negociar e aprobar uns orzamentos para o ano 2019 antes do mes de setembro. Dende a candidatura consideran “urxente” que a cidade poida dispór duns orzamentos que permitan desbloquear os máis de setenta millóns de euros de remanente de tesourería. “Iso permitiría podermos executar un necesario plan de obras, ademáis dun plan de choque que revirta a actual situación de abandono do mantemento infraestrutural da cidade, así como parques e xardíns”.

Ourense Mellor aposta pola creación dunha concellería específica de medio rural, “que sexa o enlace directo entre a veciñanza da periferia ourensá e o goberno local”.

Así mesmo, os membros da candidatura escoitaron as principais demandas do colectivo veciñal, que engloba a vinteunha asociacións de veciñas de toda a franxa rural e periférica do concello auriense. Entre as súas reclamacións, destaca a necesaria reestruturación das liñas de transporte público, “de xeito que respondan axeitadamente ás necesidades dos barrios rurais e periféricos nas súas conexións co centro da cidade”. Blanco e Pérez Bouza trasladáronlle as principais medidas programáticas de Ourense Mellor a este respecto, que pasan tamén pola creación dunha concellería específica de medio rural, “que sexa o enlace directo entre a veciñanza da periferia ourensá e o goberno local”, afirmou Pérez Bouza.

Por un PXOM axeitado á demanda real e non á especulación

A agrupación de asociacións veciñais “Miño” coincidiu cos candidatos de Ourense Mellor na necesidade de anulación da aprobación inicial do PXOM para a posterior exposición e aprobación en pleno dun plan que conte cunha previsión de vivenda de nova construción axustada á demanda real e non á especulación. “Precisamos dun plan urbanístico que priorice a rehabilitación, o equilibrio dotacional entre barrios e parroquias, a redución da necesidade de desprazamentos e a previsión do uso expropiación para o interese público”, afirmou Etelvino Blanco. “Non se trata de xudicializar a situación para retrasar a solución, senon de anular unha decisión política e empregar este mesmo mecanismo para construírmos un PXOM axeitado ás necesidades da cidade”, concluíu.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.