Ourense Mellor comprométese en Seixalbo a reestruturar as liñas de transporte público e crear unha concellería de medio rural

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor comprométese en Seixalbo a reestruturar as liñas de transporte público e crear unha concellería de medio rural

A plataforma cidadá recuperou a súa axenda de campaña tras dous días de suspensión por mor do falecemento de Alexandre Sánchez Vidal.

A plataforma cidadá Ourense Mellor, encabezada polo exsindicalista Etelvino Blanco, estivo na tarde de onte coa veciñanza de Seixalbo no local da súa asociación de veciños. Nun mitin cunha importante acollida por parte da cidadanía desta parroquia rural de Ourense, o candidato Millán Brea, insistiu na importancia de que a cidadanía decida de xeito directo, facendo especial fincapé na participación da mocidade “esquecida polo actual goberno” e comprometéndose a poñer en marcha “de verdade” os orzamentos participativos.

A continuación tomou a palabra o número tres da candidatura, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen lembrando ao “compañeiro” Alexandre Sánchez Vidal, espertou un forte aplauso entre todos os asistentes. Sinalou que o actual alcalde, Jesús Vázquez, “pasará á historia como o peor alcalde da historia da cidade”, título de cuestionable honra que fixo extensible ao resto da corporación “por non se teren posto de acordo para aprobar os orzamentos”. Afirmou que o primeiro e máis urxente compromiso desta candidatura será sentar a todos os grupos para aprobar orzamentos e PXOU, facendo uso “da experiencia e incuestionable capacidade negociadora” do candidato á alcaldía, Etelvino Blanco. Pérez púxolle data a este obxectivo, comprometéndose a que Ourense teña orzamentos antes de que remate o mes de setembro.

A importancia do rural e da periferia da cidade

Para Ourense Mellor, o actual alcalde ten “exactamente igual de abandonado o centro que a periferia da cidade”. Unha das principais propostas programáticas que trasladaron á veciñanza de Seixalvo foi a reestruturación do transporte urbano, aumentando frecuencias e liñas baixo o único principio de “que todos os cidadáns teñan os mesmos dereitos, vivan onde vivan”, destacou Pérez Bouza. Outra das propostas programáticas específicas para o perímetro rural foi a posta en funcionamento dun “bonotaxi”, para completar as carencias do servizo de autobuses e poder facer emprego dos servizos que se atopan na parte urbana da cidade.

Ourense Mellor é a única formación que leva no seu programa a proposta de crear unha concellería exclusiva de medio rural.

Pérez rematou a súa intervención lembrando que Ourense Mellor é a única formación que leva no seu programa a proposta de crear unha concellería exclusiva de medio rural. Así mesmo, denunciou o non cumprimento dos pregos de contratación por parte da empresa que xestiona os resíduos, á hora da frecuencia de recollida do lixo na periferia. O acto concluíu cunha rolda de preguntas por parte dos veciños e veciñas asistentes.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.