Ourense Mellor denuncia a vulneración dos dereitos da veciñanza coas obras do AVE e esixe a variante exterior

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor denuncia a vulneración dos dereitos da veciñanza coas obras do AVE e esixe a variante exterior

Membros da candidatura de Ourense Mellor estiveron esta mañá no cruce da rúa Noriega Varela con Camiño Caneiro, denunciando ante os medios a situación de contaminación acústica polas obras do AVE que está a afectar gravemente ao descanso da veciñanza da zona. “Ourense Mellor está aquí para escoitar e dar voz á veciñanza desta zona, xa que ninguén está escoitando unhas demandas que nós entendemos xustas e lexítimas”, afirmou o número tres da plataforma cidadá, Xosé Manuel Pérez Bouza. A veciñanza vén de denunciar o ruído insoportable que teñen que aguantar todas as noites e tamén polo día, que lles impide conciliar o sono, que merma o seu dereito ao descanso e que se produce por unhas obras que “non se terían que estar executando”.

“Ourense Mellor está aquí para escoitar e dar voz á veciñanza desta zona, xa que ninguén está escoitando unhas demandas que nós entendemos xustas e lexítimas”, afirmou o número tres da plataforma cidadá, Xosé Manuel Pérez Bouza.

Pérez afirmou aos medios que “se está executando esta adaptación das vías da liña tradicional para que pola mesma poidan circular no futuro os trens de alta velocidade porque non se fixeron a tempo os deberes”. Segundo o candidato da formación cidadanista, o que tiña que estar en execución e en obra “non é esta chapuza”, senon “a variante exterior para que o AVE poida pasar por onde está acordado”. “O problema é que os sucesivos gobernos do Estado do PP e do PSOE non fixeron o que deberían”, sinalou.

Ourense Mellor, rodeado de membros da candidatura e dun importante grupo de veciños e veciñas, demandou ao concello e ao alcalde “que ten a competencia de velar polos ruídos que se producen na cidade e porque non se superen os niveis de decibelios que contempla a lei, que actúe de inmediato e que obrigue ás empresas que están executando a obra, a executala cun nivel de ruído que lle permita aos veciños conciliar o sono e descansar”. Así mesmo, tamén lle esixiron responsabilidades á subdelegación do Goberno, pois del depende a execución das obras.

Compromiso de Ourense Mellor coa execución da variante exterior

Para cando comece o próximo mandato municipal, Ourense Mellor comprometeuse a estar moi pendente de que non haxa máis retrasos na execución da variante exterior, “pois levamos máis de trinta anos de retraso con respecto ao AVE de Andalucía”. “Imos demandar isto coa mesma insistencia goberne quen goberne en Madrid”, afirmou o candidato da formación liderada por Etelvino Blanco. “Queremos a variante exterior e a estación Empalme executada, pero non de calquera maneira, senon asegurando que o barrio da Ponte e o do Vinteún teñan unha trama urbana contínua, rematando con esa fenda entre os dous barrios, porque iso é o que merece Ourense”, concluíu. Na opinión da plataforma cidadá, “esta é a transformación máis grande que vai sufrir a cidade nos próximos anos e, xa que logo, paga a pena, facela ben”, concluíu.

Remataron mandándolle un contundente recado ao alcalde, Jesús Vázquez, instándoo a “que se deixe de auditorios ao aire libre e de obras faraónicas e que se preocupe dos problemas reais e concretos da veciñanza como é poñerlle fin a esta situación”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.