Ourense Mellor esixe ao alcalde a revogación da aprobación provisional do PXOU por ser “nulo de pleno dereito”

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor esixe ao alcalde a revogación da aprobación provisional do PXOU por ser “nulo de pleno dereito”

O candidato á alcaldía, Etelvino Blanco, acompañado do número tres, Xosé Manuel Pérez Bouza e do avogado ourensán, Eladio Medel; rexistraron esta mañá no Concello de Ourense unha solicitude pola cal se insta á Xunta de Goberno Local a que “revogue de inmediato o seu acordo do pasado 2 de maio, a fin de deixar sen efecto a aprobación provisional do PXOU”.

O candidato de Ourense Mellor, Etelvino Blanco, rexistrou esta mañá no Concello de Ourense, unha solicitude pola que insta ao alcalde de Ourense e á Xunta de Goberno Local a que “revoguen de inmediato a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Urbanística”, aprobado o pasado 2 de maio usurpando unha atribución que corresponde ao pleno do concello.

Blanco estivo acompañado polo número tres da candidatura, Xosé Manuel Pérez Bouza; a número dezaseis, Sandra Dacal; e o avogado ourensán Eladio Medel. O escrito rexistrado no consistorio e dirixido ao alcalde, conta co apoio de máis de media ducia de recoñecidos xuristas ourensáns, que coinciden en considerar o acordo da Xunta de Goberno Local como “nulo de pleno dereito”.

Etelvino Blanco instou ao alcalde de Ourense e á Xunta de Goberno Local a que “revoguen de inmediato a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Urbanística”.

Segundo o candidato da plataforma cidadá, “arriscarse a que os tribunais acaben declarando como nulo o PXOU tempo despois da súa aprobación definitiva causaría a perda de moito millóns de euros á custa das arcas municipais e moitos anos de traballo”. “É unha auténtica irresponsabilidade”, concluíu o candidato á alcaldía.

Por un PXOM axeitado á demanda real e non á especulación

Ourense Mellor comprometeuse así mesmo, no caso de que o actual alcalde non revogue o acordo, á inmediata anulación da aprobación inicial do PXOU tan pronto cheguen ao goberno municipal para a posterior exposición e aprobación en pleno dun plan que conte cunha previsión de vivenda de nova construción axustada á demanda real e non á especulación. “Precisamos dun plan urbanístico que priorice a rehabilitación, o equilibrio dotacional entre barrios e parroquias, a redución da necesidade de desprazamentos e a previsión do uso expropiación para o interese público”, afirmou Etelvino Blanco. “Non se trata de xudicializar a situación para retrasar a solución, senon de anular unha decisión política e empregar este mesmo mecanismo para construírmos un PXOM axeitado ás necesidades da cidade”, concluíu.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.