Ourense Mellor fará do mercado de abastos da Ponte un referente do produto galego de calidade

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor fará do mercado de abastos da Ponte un referente do produto galego de calidade

A plataforma cidadá presentou esta mañá, na porta do mercado de abastos da Ponte, a súa proposta de uso para a instalación.

O candidato de Ourense Mellor, Xosé Manuel Pérez Bouza, compareceu ante os medios esta mañá no mercado de abastos da Ponte para denunciar a situación da instalación, “que leva pechada dende o ano 2015 no que se investiron máis de dous millóns de euros na súa rehabilitación e que só se empregou para que o resto de forzas políticas pegaran nela os seus cartaces electorais”. Así mesmo, e acompañado por outros membros da candidatura, aproveitou para presentar a proposta da plataforma cidadá para darlle uso ao mercado. Pérez comprometeuse a desbloquear a situación da infraestrutura e poñela en funcionamento antes do remate do ano 2019 “para rendabilizar o investimento realizado para a súa rehabilitación”.

Dende a candidatura encabezada por Etelvino Blanco proponse converter o mercado de abastos da Ponte nun “espazo de exposición, venda e consumo de produtos do sector primario galego de calidade”. Serían “produtos amparados por denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas ou selos de calidade; dos cales temos ata trinta en todo o país”, sinalou o candidato de Ourense Mellor. Así mesmo, tamén se establecería un punto estratéxico de consumo e cata destes productos para a súa promoción e posicionamento no mercado dende a perspectiva do comercio xusto. En opinión de Pérez, esta instalación convertiríase nun espazo “único” en Galicia, o que favorecería o seu posicionamento como “polo de atracción de turismo gastronómico”.

Xestión municipal e custo de aluguer cero os dous primeiros anos

Para Ourense Mellor este é “un exemplo máis da nefasta xestión do goberno local encabezado por Jesús Vázquez” e establecen que, co obxectivo de facer máis atractiva esta proposta para o tecido comercial, a instalación sería de “xestión íntegramente municipal” e os postos serían “de aluguer a custo cero durante os dous primeiros anos”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.