Ourense Mellor porá en marcha a “casa do videoxogo” nun edificio rehabilitado do Casco Vello

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor porá en marcha a “casa do videoxogo” nun edificio rehabilitado do Casco Vello

A plataforma cidadá creará a “casa do videoxogo”, unha infraestrutura “pioneira en todo o Estado español” para o fomento e facilitación do encontro e socialización da mocidade a través dos videoxogos.

A plataforma cidadá Ourense Mellor, encabezada polo exsindicalista Etelvino Blanco, presentou unha das súas principais propostas programáticas no eido da mocidade. A “Casa do Videoxogo” será un espazo dirixido á mocidade local e, segundo indicou o candidato Millán Brea, estará “orientado aos e-sports e aos videoxogos”. A casa contará con salas de competicións e adestramentos e-sports para equipos de mozas e mozos da cidade; salas para campionatos en diversas plataformas; sala para conferencias con equipos profesionais, charlas, proxeccións, trucos… e un museo do videoxogo retro.

Esta infraestrutura pioneira aspira a se converter nun espazo cun alto impacto económico e social coa mobilización de grande cantidade de “gamers” a través de competicións locais, estatais e encontros con “Youtubers” do eido, seguidos na actualidade por milleiros de rapaces e rapazas.

O espazo “contará con persoal especializado que dinamizará a participación da mocidade ourensá durante todos os días da semana e, especialmente, as fins de semana”

Brea sinalou que o espazo “contará con persoal especializado que dinamizará a participación da mocidade ourensá durante todos os días da semana e, especialmente, as fins de semana”. Esta “casa” aspira a se converter nun lugar referencial de encontro onde se relacionar e socializar. Ademáis, aproveitarase para rehabilitar un edificio do Casco Vello ourensán, de xeito que contribúa a “aportar vitalidade” a esta zona da cidade.

O maior museo do videoxogo retro do noroeste da Península

Esta infraestrutura albergará tamén un novidoso museo do videoxogo retro, con espazos de exposición e de interacción coas consolas e videoxogos que protagonizaron a historia deste, hoxe, consolidado sector económico e de ocio.

Será o máis grande do noroeste da Península e estableceremos redes de colaboración co xa existente en Cangas do Morrazo para difundir a importancia dos videoxogos na historia da nosa sociedade contemporánea.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.