Ourense Mellor prioriza os orzamentos e o PXOU como medidas urxentes do seu programa electoral

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor prioriza os orzamentos e o PXOU como medidas urxentes do seu programa electoral

A plataforma cidadá Ourense Mellor presentou onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel, ante unha sala ateigada de xente, o seu programa electoral para as eleccións municipais do 26 de maio. Iniciou o acto a candidata Sandra Dacal, indicando que se trata dun contrato coa cidadanía de Ourense con 113 medidas dirixidas a “construírmos a cidade que queremos”. O número tres da lista, Xosé Manuel Pérez Bouza, sinalou que é un programa froito “da escoita continua ás demandas da veciñanza pero aberto a implementar outras medidas para construírmos colectivamente un Ourense mellor”.

A formación cidadanista dividiu o programa en dúas partes. Por unha banda as que denominan “medidas urxentes” para “executar no primeiro ano de mandato”. “O primeiro que imos facer é sentarnos nunha mesa e chegar a un acordo para aprobar de xeito inmediato uns orzamentos municipais” que, en palabras de Pérez Bouza, “son unha ferramenta clave para o futuro da cidade”. Ourense Mellor destacou tamén a demostrada capacidade de diálogo e negociación de Etelvino Blanco.

Pérez Bouza: O primeiro que imos facer é sentarnos nunha mesa e chegar a un acordo para aprobar de xeito inmediato uns orzamentos municipais”

O segundo dos compromisos urxentes da plataforma é aprobar en pleno o PXOU, previa exposición pública. “Unha medida transversal sen a cal é imposible facer ningún tipo de inversión”, segundo afirmou Pérez. Pero sinalaron que o seu obxectivo é facelo ben e non “pola porta de atrás e con importante inseguridade xurídica”, como fixo o actual goberno municipal.

Destacan tamén entre as propostas de urxencia un plan de emprego para a mocidade e colectivos con dificultades para a inserción laboral, axudas para a revitalización do comercio local e a transformación da actual tarxeta milenio nunha tarxeta electrónica –de nome TOU– que poida ser empregada non só para o transporte, “senón tamén para as termas, a ORA, as instalación deportivas e culturais, o uso das bicis e todas aquelas actividades nas que intervén o Concello de Ourense”. A candidatura tamén se comprometeu á inmediata apertura da praza de abastos do barrio da Ponte.

Entre as medidas non urxentes, “pero si para executar ao longo do mandato”, destaca o desenvolvemento íntegro do plan termal “xa aprobado por unanimidade” e a remunicipalización de servizos como a axuda no fogar ou o mantemento de parques e xardíns. A creación dunha concellería específica para medio rural –“mesmo con categoría de tenencia de alcaldía”–, un bonotaxi para a periferia ou a reconfiguración de liñas e freuencias do transporte público; foron as medidas chave dirixidas ao rural e á periferia do concello ourensán.

A mocidade e a cultura como eixos de construción dunha cidade educadora

O candidato número cinco da plataforma, Millán Brea, introduciu as propostas sobre mocidade, educación e crianzas. “Precisamos construír unha cidade educadora onde as crianzas e a mocidade teñan voz”, afirmou Brea. Ourense Mellor introduciu neste senso, a creación dunha aplicación para teléfonos intelixentes na que a mocidade poida “propoñer ideas, propostas e participar da dinamización cultural da cidade”. Así mesmo, tamén trasladaron a idea de poñer en marcha un cheque cultural para a mocidade.

Millán Brea: “Precisamos construír unha cidade educadora onde as crianzas e a mocidade teñan voz

Brea sinalou que Ourense pode converterse nun referente nos e-sports a través da creación da “casa do videoxogo” e dun “museo do videoxogo retro” e que é hora de lle dar oportunidades á xente moza que se forma na nosa cidade en educación social ou animación sociocultural.

Unha plataforma para construír a cidade que queremos

Logo de lle dar a palabra ao público asistente para que participasen de xeito propositivo no acto, tomou a palabra o candidato á alcaldía, Etelvino Blanco. O antigo líder sindical mostrouse convencido de que “xuntas e xuntos construíremos, seguro, a cidade que queremos”. “Este programa é froito dun traballo colectivo do fantástico equipos de persoas que conforman esta plataforma”, afirmou o candidato. Expresou que “se estamos aquí hoxe así é porque o resto de grupos de esquerda nin sequera quixeron saber de nós cando lles formulamos a posibilidade da unidade”. Blanco fixo tamén referencia as palabras de Feijóo sobre Jesús Vázquez sinalando que “o problema do actual alcalde é que nin sequera foi quen de meter as chaves da cidade pola fechadura”. “Esta corporación pasará á historia como o peor goberno municipal que nunca tivo esta cidade, por estar cheo de inútiles”, concluíu.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.