Ourense Mellor propón ampliar o complexo deportivo de Oira e remunicipalizar as piscinas privadas

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor propón ampliar o complexo deportivo de Oira e remunicipalizar as piscinas privadas

A plataforma cidadá explicou esta mañá, ante os medios de comunicación, o seu proxecto para Oira.

A plataforma cidadá Ourense Mellor, encabezada polo exsindicalista Etelvino Blanco, estivo explicou esta mañá ante os medios de comunicación a súa proposta programática para ampliar e reconverter o complexo deportivo de Oira nun espazo máis grande que integre outros deportes minoritarios. O candidato da plataforma cidadá, Lito Prado, sinalou que o obxectivo é crear “un grande espazo deportivo e recreativo ao aire libre” que pasaría por cortar a circulación dende a rúa Alfredo Brañas por toda a praia de Oira e converter toda a calzada en espazos para deportes minoritarios “pero que interesan a un segmento importante da poboación”. Entre eses deportes destacaría parkour ou escalada en vertical e en horizontal. Así mesmo, e posto que o contrato de concesión está a piques de chegar ao seu fin, Prado afirmou que Ourense Mellor “remunicipalizará as piscinas de arriba, privatizadas no seu momento polo BNG, para conseguir unha unidade coas de abaixo e construírmos, deste xeito, unha gran zona de lecer e recreativa ao servizo público da cidadanía de Ourense”.

Prado, que estivo acompañado por outros membros da candidatura, sinalou que no caso de Ourense, as piscinas son “practicamente un necesario servizo público” e que é obriga do Concello de Ourense facelo accesible. Así mesmo, dende Ourense Mellor tamén inciden en que para superar a evidente carencia de instalacións deportivas na cidade que permitan responder á demanda crecente de usuarios, sería necesario construír outro grande complexo deportivo na Finca Deputación, sita no barrio de Mariñamansa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.