Ourense Mellor propón un “cheque cultural” para que a mocidade poida consumir cultura con liberdade

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor propón un “cheque cultural” para que a mocidade poida consumir cultura con liberdade

O candidato de Ourense Mellor, Millán Brea, compareceu ante os medios esta mañá no Espazo Lusquiños da Ponte para denunciar a falta de interese do Concello de Ourense pola mocidade e presentar tres das grandes propostas programáticas da plataforma cidadá nesta materia. Acompañado por outros membros da candidatura, Brea describiu a mocidade ourensá como “unha mocidade completamente abandonada como ocorre co Espazo Lusquiños”. “Non podemos entender que non teñamos profesionais da animación sociocultural ou da educación social dinamizando este tipo de espazos”, sinalou. Para Ourense Mellor é fundamental que a mocidade participe activamente da actividade cultural e de ocio e que sexan “suxeitos activos”. “Non vale con que vaian ás actividades só a consumilas, senon que teñen que participar e coorganizalas eles e elas converténdose en protagonistas”, afirmou o número cinco da lista encabezada por Etelvino Blanco.

App para smartphones, cheque cultural e casa do videoxogo

A plataforma cidadá aproveitou para presentar tres das súas propostas programáticas en materia de mocidade. A primeira delas, unha aplicación para teléfonos intelixentes “para que os rapaces e rapazas de Ourense poidan decidir que actividades queren, facendo a cultura e o ocio participativos”. “Non os podemos obrigar a ir a un obradoiro de fotografía, senon que teñen que escoller eles as actividades”, sinalou o candidato. Con esta aplicación, segundo a plataforma cidadá, os mozos e mozas da cidade poderán escoller entre concertos, actividades, obradoiros e eventos culturais de todo tipo.

Millán Brea: “Non vale con que vaian ás actividades só a consumilas, senon que teñen que participar e coorganizalas eles e elas converténdose en protagonistas

Esta proposta compleméntase coa posta en funcionamento dun “cheque cultural” para a mocidade ourensá, de xeito que poidan investir esa axuda do concello “no que eles queiran”, dentro do ámbito da cultura, “sexan libros, obras de teatro ou concertos de música”.

Por outra banda, Brea entende que os videoxogos son “unha das grandes motivacións para a rapazada”, por iso se comprometen a crear a “casa do videoxogo”. Este centro disporía de moitos espazos onde poder xogar, entrenar aos e-sports e mesmo organizar conferencias. “Entendemos que esta é unha das industrias que máis cartos moven no mundo a día de hoxe e que ninguén na nosa cidade se preocupou de promover ata agora dende as institucións públicas”, concluíu Millán.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.