Ourense Mellor reúnese coa Federación de Anpas Públicas de Ourense

PLATAFORMA CIDADÁ POR UN OURENSE MELLOR

Ourense Mellor reúnese coa Federación de Anpas Públicas de Ourense

Membros da Plataforma Ourense Mellor, mantiveron un encontro co Presidente da FAPA de Ourense, José Antonio Álvarez para coñecer de primeira man a situación, necesidades e deficiencias das escolas públicas da cidade e da comunidade escolar no seu conxunto.

 

Entre as carencias que foron trasladadas, a FAPA destacou  que durante 2 anos de goberno do Partido Popular na cidade, non houbo convenio para poder financiar os comedores escolares polo que as familias non tiveron acceso ás axudas que todos os anos están a disposición das e dos usuarios dos comedores. Ademais, as Anpas da cidade demandan unha mellor calidade e variedade dos menús que xestiona directamente a Xunta e eficiencia no servizo e transporte no caso dos centros que teñen catering, xa que a alimentación é fundamental a idades tan temperás.

Por outra banda, os representantes das nais e pais demandan menos burocracia para xestionar as axudas do concello, e maior implicación da concellería de educación en actividades deseñadas para a conciliación real de nais e pais fóra do horario lectivo, para que poidan compartir tempo de lecer e aprendizaxe cos seus fillos e fillas. A comunidade educativa precisa máis recursos para desenvolver máis actividades, non só fotos e mensaxes de apoio por parte do alcalde Jesús Vázquez.

Outra das necesidades que trasladaron desde a Fapa é o aumento das prazas públicas de educación infantil de 0-3, así como a correcta aplicación do ratio/alumno, xa que se teñen demostrado insuficientes en todos os barrios da cidade.

Desde Ourense Mellor, trasladámoslle ao representante da Federación de Anpas da Cidade, que cremos firmemente que o ensino na etapa primaria e secundaria é obrigatoria no estado español, polo que ten que garantirse a súa gratuidade total: libros de texto, transporte e outros servizos complementarios para as familias, así como a suficiente oferta de prazas e acollida temperá para as familias. Se é obrigatorio por lei, todas as crianzas, independentemente do nivel de renda familiar ou do lugar no que vivan, teñen que acceder en igualdade de condicións aos mesmos espazos e servizos, para que esa obriga sexa un dereito universal, polo tanto é prioridade mobilizar todos os recursos necesarios garantizalo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.